Prezados compañeiros e compañeiras:
Perante os acontecementos irracionais conducentes ao sacrificio da lingua galega do ámbito do coñecemento, recoñecemento, visibilidade e dereito de uso que fomos vendo xa consumados nos últimos días e semanas, está a crearse unha plataforma común que actúe como frente común na causa da xusta defensa da lingua galega, con especial sensibilidade neste momento no ámbito educativo.
Mándovos o documento que foi consensuado e está a ser ratifuicado polas partes máis implicadas, considerando a posibilidade de se sumar a AELG engadindo a introdución que tamén envío. Gustaríamos de colecer da vosa opinión antes de tomarmos a decisión de comunicalo publicamente como tal adhesión. Dada a urxencia con que todo está a acontecer, precisaba da vosa resposta con carácter de urxencia.
Saúdos deica o venres.
Mercedes
Perante as medidas involucionistas do actual goberno da Xunta de Galiza, cara á lingua galega, idioma propio do noso país, creado senlleiramente pola sociedade galega ao longo da súa xa milenaria historia, que está a materializarse, por unha banda, na anulación de dereitos legais de recoñecemento administrativo da súa competencia e uso e, por outra, na forzada eliminación da súa aprendizaxe dentro do ámbito educativo, a AELG quere adherirse ao documento presentado e ratificado por colectivos sociais, profesionais e sindicais.
Subscribimos os puntos deste pronunciamento na medida en que, desde a autoridade educativa e no exercicio das súas competencias e responsabilidades gobernativas, é preciso asegurar a competencia en lingua galega dos nenos e nenas desde a escola, como garante do desenvolvemento das habilidades lingüísticas que doten a infancia e a mocidade das destrezas básicas: comprender, falar, ler e escribir. Porque só desde o coñecemento amplo e sen prexuízos é posíbel entender un mundo habitado e pensado desde a biodiversidade real, lingüística e cultural, que debe medrar necesariamente desde o manexo das claves do respecto interpersoal.
A AELG convida aos escritores e escritoras a divulgar e facer pública a súa adhesión persoal a este pronunciamento colectivo nos diversos foros de comunicación en que como tal participa
As organizacións abaixo asinantes, ante o anuncio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria de realizar unha consulta nos centros educativos en relación co uso do galego, queren transmitir á comunidade educativa e á sociedade galega no seu conxunto as seguintes cuestións:
1. Esta é unha consulta, deseñada á marxe da comunidade educativa, carente de rigor na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos e sen garantías para a intimidade das persoas e a protección de datos de carácter persoal.
2. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento Galego en 2004 (PP, PSOE e BNG), é un punto de encontro na definición dos obxectivos para o ámbito educativo. O Decreto 124/2007, de 28 de xuño, recolle este acordo do Parlamento Galego dándolle carácter normativo e a súa legalidade foi avalada por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta norma pretende garantir unha competencia similar en galego e en castelán.
3.O obxectivo de que ao remate do ensino obrigatorio os nenos e as nenas sexan plenamente competentes nas dúas linguas oficiais non pode conseguirse con menos do 50% das materias impartidas en galego. Coa enquisa que se envía ao centros o mantemento desta porcentaxe só se garantiría marcando a resposta “en galego” ou “todo en galego”, pois esta opción non fai referencia á totalidade do ensino, senón soamente ás materias que habería que impartir hoxe en galego –o 50%-, xa que a enquisa non recolle a opción de que todas as materias agás as linguas, poidan ser impartidas en galego.
4. Por termos en conta as consideracións anteriores, propoñemos marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non se considera.
5. Igualmente xulgamos preciso transmitir a nais e pais a necesidade de incluíren no apartado de observacións da enquisa peticións semellantes a que expresamos a continuación:
Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.
Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego.
Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.
A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación de Directores e Directivos de IES, AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), CIG-Ensino (Confederación Intersindical Galega), Comités, Coordinadora de Equipas de Dinamización e Normalización Lingüística de Ferrolterra, Coordinadora de Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística, Coordindora de Equipas de Dinamización e Normalización Lingüística de Compostela, NEG (Nova Escola Galega), STEG (Sindicato dos/as traballadores/as do Ensino de Galicia).
4 comentários:
Penso que também será do interesse de quem está neste espaço por razões de política...
O MIL tem acompanhado a situação...
E quais os efeitos práticos do "acompanhamento"?
Segredo de Estado...
Enviar um comentário